Monday 29 de April de 2024

A Xunta financia a construcción de nove pistas multideporte na provincia da Coruña en colexios e institutos o vindeiro curso


— Trátase dunha iniciativa novidosa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que supoñen un investimento na provincia da Coruña de máis 500.000 euros

— Tal e como se deu conta no Consello da Xunta de hoxe, o Goberno galego subvenciona ata o 85% do custo destas infraestruturas de uso compartido entre os centros e os concellos

A Xunta financia na provincia da Coruña nove pistas multideporte en colexios e institutos das comarcas da Coruña, Santiago, Barbanza e Costa Morte unha iniciativa novidosa que se pón en marcha por primeira vez este ano e que suporá un investimento na Coruña de máis de 500.000 euros

O delegado da Xunta informou que esta proposta se elevou hoxe ao Consello da Xunta, por parte da pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e destacou que esta iniciativa se desenvolve ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os centros educativos e que responden ao obxectivo común de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras, sostibles e confortables.

Gonzalo Trenor explicou que na comarca do Barbanza executaranse 5 pistas multideporte nos concellos de Boiro, Noia, Outes e Porto do Son cun investimento de máis de 287.000 euros; na comarca de Santiago en centros educativos de Ordes e Santa Comba cunhas axudas de máis de 127.000 euros; na área da Coruña nun CEIP de Aranga cun apoio de 46.000 euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte construiranse unha pista deste tipo nun centro educativo de Cee cun investimento de máis de 63.000 euros.

Pistas multideporte
As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional.

Os concellos de 5.000 habitantes ou menos podían recibir da Xunta ata o 85% da contía subvencionable ata un máximo de 85.000€ por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable é do 75% e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60%.